Sunday 19 de May de 2024

A corporación acorda o PRESCO para reactivar a economía e axudar ás personas máis vulnerables con máis de 13,2 millóns de euros


 

Inés Rey: “Pese as nosas diferenzas, hai unha cousa que está por riba das nosas ideoloxías políticas: o benestar das e dos coruñeses”
A Corporación municipal presentou esta mañá o Plande Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO) cun orzamento de máis de 13,2 millóns de euros destinados a contribuír o mantemento do tecido socioeconómico desta cidade e que, segundo a alcaldesa, Inés Rey, se artellará en tres eixos fundamentais: o investimento público co impulso da contratación pública; a posta en marcha do programa “Coruña solidaria”, que incluirá medidas de protección social, sobre todo, para as persoas máis vulnerables e as que necesiten conciliar; e medidas económicas para os colectivos máis afectados polo cesamento da actividade. Rey recalcou que “pese as nosas diferenzas, hai unha cousa que está por riba das nosas ideoloxías políticas: o benestar das e dos coruñeses”.
A alcaldesa agradeceu a todas as forzas e, especialmente, ás e aos seus voceiros municipais o traballo destas semanas e dirixiuse á veciñanza para lle recordar que “é o momento de se recuperar, de se erguer e axuntármonos, pero témolo que facer con sentidiño. Non foi esta a primeira pandemia que asolou o mundo, pero é a que nos tocou vivir e estamos dando un exemplo de como derrotar con firmeza a un
inimigo común”.
Pola súa parte, Lage Tuñas sinalou que A Coruña é a cidade galega que reservou máis fondos para a reconstrución social e económica e que máis do 85% das propostas foron coincidentes por parte de todos os partidos, “que a cidade sexa exemplo de boa política ten que ver coa xenerosidade dos grupos políticos, das e dos voceiros e da confianza que Inés Rey depositou en nós”. A alcaldesa apuntou que o plan ten un apartado especial dirixido á protección e seguridade do persoal traballador e da cidadanía relacionada co concello. Así mesmo, contempla a modernización tecnolóxica e municipal e un programa de emprego COVID-19 para reforzar, con recursos humanos, as áreas de benestar e economía, coa finalidade de axilizar a execución dos recursos, mobilizados con esta modificación orzamentaria. O voceiro do Goberno local afirmou que “a política ten que estar á altura do que espera a cidadanía de nós. Representamos ás coruñesas e aos coruñeses para aportar solucións e non para crear máis problemas. Trátase de ser útiles.”

Dos máis de 13,2 millóns de euros, 8.977.416,20 euros proceden de baixas de crédito en diferentes aplicacións que se estima que se poden minorar sen detrimento dos servizos aos que foron inicialmente adscritas, tal e como se xustifica no expediente; e 4.299.000,00 euros proveñen de remanente líquido da Tesourería para gastos xerais.